Monday 16 de September de 2024

A Youth Legaue de Karate despediuse hoxe da Coruña tras competir nas distintas probas máis de 3.000 deportistas internacionais


A proba internacional, que rematou hoxe no Palacio dos Deportes, é un referente deste deporte en categorías de base

A Coruña acolleu desde o xoves e ata este domingo unha nova edición da Karate 1-Youth League, unha das probas internacionais máis importantes deste deporte en categorias de base. A competición celebrouse no Palacio dos Deportes de Riazor e contou coa participación de máis de 3.000 deportistas, aos que hai que sumar o resto de persoal técnico e as persoas acompañantes dos deportistas de 12 a 20 anos. Estímase que as persoas desprazadas á cidade superaron as 7.000.

Este é o segundo ano consecutivo que se leva a cabo esta proba na cidade, que xunto con Fujairah (Emiratos Árabes Unidos), Porec (Croacia), Cancún (México) e Venecia (Italia) ten a honra de ser unha das sedes. Ata a cidade chegaron clubs de ata 77 países e houbo unha grande participación feminina, con máis de 1.200 deportistas. Tamén participaron 16 clubs e 51 deportistas galegos.

O Goberno de Inés Rey apostou pola celebración na cidade desta competición, pois un dos eidos de traballo na área de Deportes é a capacidade da cidade para organizar grandes eventos internacionais, grazas á ampla rede de infraestruturas das que dispón A Coruña.